Obxectivo do programa
Por que facemos formación.
Na Asociación De Maior Crea partimos dunha idea sinxela pero que o cambia todo: a partir da xubilación as persoas pódense reinventar, entran nunha etapa creativa. Unha etapa nova, con tempo, con biografía, con criterio, con cousas que dicir e ferramentas para dicilas.
A isto chamámoslle Lonxevidade Creativa, e non é o nome bonito dun curso: é o paradigma desde o que traballamos. Ese paradigma desprata o foco. Afástao do relato do envellecemento como perda ou dependencia e lévao a un sitio moito máis interesante: a lonxevidade como unha etapa fértil, ilusionante, produtiva no sentido cultural da palabra. Unha etapa con ikigai —con razón para erguerse pola mañá— na que as persoas non son suxeitos aos que coidar, senón autoras ás que escoitar.
Por iso a nosa formación non fabrica alumnos: acompaña a creadores.
E por que importa
A esperanza de vida alargouse de forma extraordinaria. Iso é unha conquista colectiva, non un problema demográfico. O que temos por diante —e este é un dos grandes retos do século XXI— é decidir que facemos culturalmente con ese tempo engadido. Se o entendemos como unha sala de espera ou como o escenario dun novo propósito.
Maiores como creadores de cultura
Aquí está o xiro que máis nos importa. Na Asociación De Maior Crea as persoas maiores non son unicamente alumnas: son creadoras de cultura, produtoras de contidos e protagonistas de obras propias. E, ademais, son mentoras, titoras e mecenas das xeracións máis novas coas que se cruzan nos nosos proxectos.
O coñecemento e os valores que acumularon durante décadas non son un arquivo pechado: son material vivo que pode transmitirse, contrastarse e multiplicarse nun modelo interxeracional que enriquece a toda a sociedade.
Facer formación, para nós, é construír ese espazo. Un espazo onde unha persoa de máis de 55 anos non chega a "ver que tal se lle dá", senón a contar, a compartir, a colaborar en equipo.
O cine como un dos vehículos
Escollemos a ficción audiovisual porque é, probablemente, a ferramenta expresiva máis completa que existe. Cando alguén se mete nunha rodaxe —aínda que sexa unha curtametraxe— pásanlle moitas cousas á vez: escribe, interpreta, decide encadres, opera técnica, monta, escoita o equipo, defende ideas, cede outras. Aprende a contar, e aprende a contar con outros.
Os nosos participantes pasan por todos os oficios: guión, dirección, interpretación, produción, son, montaxe. Fano acompañados por profesionais do sector, non por monitores que improvisan. E o que sae ao final non é unha "actividade simbólica": son obras con valor artístico e social propio, que se ven, que se proxectan, que se discuten.
Polo camiño, claro, ocorren tamén cousas valiosas a outro nivel: adquírense competencias dixitais, traballase en equipo, refórzanse a autoestima e a autonomía, constrúese pertenza ao grupo. Pero eses son efectos, non o obxectivo. O obxectivo é a curtametraxe. A obra. O acto de creación.
Combater o edadismo, o estereotipo do maior pasivo e prescindible, non se fai só con campañas: faise poñendo obra enriba da mesa. Curtametraxes, historias, personaxes, miradas. Probas, en definitiva, de que a creatividade non caduca.
Por iso facemos formación.